terça-feira, 10 de setembro de 2013

Banda Municipa de Silleda


«Unha traxectoria con máis dun século de historia converte a Banda de Música Municipal de Silleda nunha das máis lonxevas de Galicia, con 125 anos de música no rural galego.». Ler mais aqui. O lugar é aqui, Província de Pontevedra.


«A Banda de Silleda naceu alá polo ano 1888 grazas ao esforzo dun grupo de persoas que quixeron transmitirlle á vila de Silleda o seu sentir pola música. Os primeiros anos da agrupación foron de grande éxito e estiveron baixo o mando de directores como Carballo e López Brey. Porén, a chegada da Guerra Civil supuxo un enorme tropezón para a agrupación pois dos 26 músicos que tocaban só cinco se libraron de ir á fronte. Moitos dos integrantes faleceron na contenda e outros regresaron con secuelas.
Na década dos 40, a banda recompúxose e viviu a súa época de máximo esplendor, pero en 1977 a emigración volveu truncar o futuro desta asociación, ata o punto de que desapareceu durante varios anos, pois moitos dos seus membros tiveron que marchar en busca dun futuro mellor. Case dez anos despois, en 1985, a banda volveu rexurdir grazas ao esforzo dun grupo de antigos compoñentes que non se resignaron e quixeron continuar co labor musical. Pero nese caso non estaban sós pois recibiron o apoio da Asociación Feiral Semana Verde de Galicia e o do mesmo Concello, organismos que axudaron a que a agrupación seguise adiante.
Os seguintes anos foron a época de maior crecemento e despregamento da banda, que levou a cabo actuacións tan relevantes como a fundación da Asociación de Amigos da Banda de Música de Silleda, que aínda se mantén hoxe en día con máis de 400 socios; organizouse o primeiro festival de bandas da localidade e naceu a escola municipal de música, entre outras moitas. Os músicos percorrían a xeografía galega ensinando a súa arte polos localidades e a xente comezaba a recoñecer a importancia das súas actuacións. Os músicos deleitaban o público con pezas tan recoñecidas como “La leyenda del Beso” ou o pasodobre “Manolo Martín Vázquez”. Cómpre destacar o ano 1997 como unha época de vital importancia para a asociación cultural pois é o momento en que gravan o seu primeiro disco ao mando do director Javier Viceiro. Posteriormente, a banda estaría baixo a batuta de Xosé Luís Represas, Xosé Luís Quintás e Octavio Más Arocas, entre outros mestres.»